Carl Friedrich Gauss

Johann Carl Friedrich Gauss (Gauß) , nado en Brunswick, Ducado de Brunsvique-Luneburgo (Sacro Imperio Romano Xermánico), o 30 de abril de 1777 e finado en Gotinga (Reino de Hannover) o 23 de febreiro de 1855, foi un matemático alemán considerado un dos matemáticos máis grandes e influentes de toda a historia polas súas amplas contribucións en moitos eidos incluíndo a teoría dos números, álxebra, estatística, análise, xeometría diferencial, xeodesia, xeofísica, mecánica, electrostática, astronomía, teoría da matriz, e óptica. Ás veces coñecido como Princes mathematicorum (en latín, "o Príncipe dos matemáticos" ou "o Primeiro dos matemáticos") e o "máis grande matemático desde a antigüidade", Gauss ten unha influencia destacable en moitos campos da matemática e da ciencia, e considéraselle un dos científicos máis influentes da historia. Das matemáticas dixo que elas eran "a raíña das ciencias". Gauss foi un neno prodixio e hai moitas anécdotas referentes á súa precocidade. Fixo os seus primeiros descubrimentos matemáticos innovadores cando aínda era adolescente e completou as Disquisitiones Arithmeticae, a súa obra magna, en 1798, á idade de 21 anos, aínda que non foi publicada ata o ano 1801. Esta obra foi fundamental para consolidar a teoría dos números como disciplina, e influíu neste campo ata hoxe en día.


Developed by StudentB